Coñecida a convocatoria para unha bolsa de emprego para un xefe/a de cultura no Concello de Narón, a AGPXC presentou unha reclamación suxerindo a modificación das bases. Esta acción realízase na liña de traballo que mantén a asociación na defensa da profesionalidade do noso colectivo, vixiando aquelas convocatorias públicas dirixidas a cubrir postos que atinxen á xestión cultural. Ben é certo que a meirande parte das administracións coas que contactamos, nun exercicio de soberbia administrativa, ou ben non responden ou o fan con argumentos que pouco teñen que ver cunha boa práctica da transparencia da xestión pública, e menos coa perspectiva de dotarse dun servicio público de cultura de calidade.
No caso de Narón, envióuselle unha carta á alcaldesa cunha solicitude de corrección no procedemento da Bolsa de emprego convocada para a cobertura do posto de Xefe de Cultura (código CUL-24).
- Unha praza coa denominación e responsabilidades de "Xefe de Cultura" non se debera prover mediante bolsa de emprego, senón que por un procedemento de concurso-oposición.
- Non semella razoable esixir experiencia de xestión nunha única disciplina artística (artes escénicas) cando o labor do Padroado abrangue toda a actividade cultural municipal.
- Sendo conscientes da capacidade de autoorganización das entidades locais, resulta razonable indicar que a categoría profesional para este posto deba ser a dun grupo A1 ou A2, tendo en conta ademáis que no organigrama do Concello de Narón existen animadores/as socioculturais con categorías superiores ás da xefatura convocada. Tanto a nosa asociación como a Federación Estatal de Asociaciones de Profesionales de la Gestión Cultural da que formamos parte, temos a ansia de que as administracións públicas sexan respectuosas na definición das funcións e competencias que delimitan os diferentes niveis profesionais, así como os requisitos académicos que deberán ter cada un deles. Ten dispoñibles estas recomendacións no documento “Descripción del puesto de trabajo de la gestión cultural en España” accesible en https://feagc.com/wp-content/uploads/2016/04/dptgcfeagc.pdf
RESPOSTA Á ALEGACIÓN POLO CONCELLO DE NARÓN